miércoles 23 de diciembre de 2009

Cancións de Nadal


Nas Casas Baratas non tiñamos guitarra. Tiñamos piano. O meu pai tocaba de oído estes dous instrumentos.

Xa dixen que non consigo recordos dos dez primeiros Nadais da miña vida. Iso non impide que, lembrando como foron os doutras épocas, poida recrear diversos aspectos.

Recordo ao meu pai cantando acompañándose do piano. Recórdoo perfectamente. Así e todo, resúltame máis familiar a súa imaxe coa guitarra. O seu repertorio era sempre o mesmo e compúñano na súa maior parte vellas cancións da guerra civil. Nós, os meus irmáns e mais eu, rodeabamos aos meus pais e cantabamos con eles. Algunhas cancións sabiámolas enteiras. Outras non. Daquela, tarareábamos.

As festas da miña casa resultaban moi alegres, por certo. Hai que ter en conta que eramos moitos -chegamos a ser catorce nós sos, sen agragados- e o número axuda, non cabe dúbida, para animar o ambiente. Con todo, resultaría inxusto atribuílo só ao número. A verdade é que eramos moi alegres. Os nosos pais eran alegres e nós tamén.

Había unha canción que o meu pai cantaba para a miña nai. Ela acompañábao e agradecíallo con acenos mimosos. O meu pai entoábaa así: Limoncito, limoncito, dame un abrazo apretado, dame un abrazo apretado e un beso de tu boquita. Al pasar por tu ventana, me tiraste un limón. Al pasar por tu ventana, me tiraste un limón. El limón me dio en la cara, el zumo en el corazón. El limón me dio en la cara, el zumo en el corazón.

Lágrimas Negras non fallaba nunca. Cantábana entre os dous e nós sumabámonos ao coro aínda que non sabiamos a letra. Nas partes que non coñeciamos gardabamos silencio e escoitabámolos. Aunque tú me dejaste en el abandono, aunque tú has muerto todas mis ilusiones, en vez de maldecirte con rudo encono, en mi alma te colmo, en mi alma te colmo de bendiciones...

Tampouco fallaba o Carrasclás nin Una mañana temprano cogí mi caballo y me fui a pasear. E gostábamos moito daquela copla: Porque el amor es un ave pasajera...

A xoia da coroa, se se me permite a simpleza, era, sen dúbida, esta: La bandera comunista, antes era toda roja, pero ahora con el miedo se volvió color de rosa. ¡Cómo corrían, chis-pan-pum, los comunistas, chis-pan-pum; ya sólo saben, chis-pan-pum, cacarear, chis-pan-pum; como gallinas, chis-pan-pum, en el corral!

Coñeciámola todos e cantabámola con vizoso entusiasmo e nardecida alegría. E con ela enlazaba un popurrí acelerado e vibrante de sons marciais que o meu pai sabía completos e nós chapurreábamos como boamente podiamos.

Estaba también Salvador, tararararararará, ¡adelante la Legión, caballero sin igual, se la empinó, se la empinó!

Como se pode ver, non tiña moito sentido, pero eu a recordo así e atreveríame a xurar que así era como a cantabamos. E, por suposto, xamais faltaba Chaparrita la divina.

Chaparrita, la divina, la que va por las mañanas al templo para rezar...

¡Oh, Deus! ¡Que felices eramos proclamando sen ningún convencemento, sen ningún propósito, sen ningunha convicción, con absoluta inconsciencia, o horrendo alento da vitoria que o impregnaba todo naqueles anos terribles! Todo. Aínda que non quixeses.

Todo, si, incluído probablemente o estúpido sacrilexio e as absurdas confesións das que falamos hai uns días.

Sexa como for, Bo Nadal, queridos amigos que podades estar alén da miña pantalla. Sede felices o tempo -os tempos- que podades. A felicidade para o Mundo teremos que traballala día tras día. Sen descanso.

Bo Nadal.

domingo 20 de diciembre de 2009

A morte cada noite debaixo da cama


Cómo falar aos nenos da morte. Este é o título dun artigo que publicaba onte o xornal de Lugo, asinado por unha psicóloga. Debemos dicirlles sempre a verdade, a verdade na que nós creamos, de forma axeitada á idade e, polo tanto, á capacidade de comprensión do neno. Este, co inevitable recurso dalgunha cita da señora Klübler-Ross, para quen, segundo teño entendido, a morte non existe, podería ser un resumo do escrito.

Na miña infancia a xente non morría. A xente adormecía,entraba nun sono moi longo, moi longo, do que ía tardar moito en espertar, ou, senón, Papaíño do Ceo levábaa cabo del, ía para o ceo. O avó está no ceo, dicíanche.

Pero isto de adormecer ou de ir para o ceo, resultaba a cara máis amable de tan terrible cuestión. Non esquezamos que falamos de nenos, nenos pequenos en calquera caso. A morte, para os nenos da miña xeración, estaba intimamente ligada ás penas do inferno. Por culpa dos nosos pecados. Era a pervivencia -creo que sinxelamente cualificable de perversa- do terror que a Igrexa expandía sobre o orbe cristián co inicuo afán de controlar as conciencias. (Xa se ve que non son imparcial neste tema). Supoño que se isto fose un estudo ou unha análise históricos, poderiamos aducir causas non necesariamente perversas, senón, talvez, pervertidas por mor de teorías escatolóxicas ligadas a milenarismos e algúns outros ismos posibles. Supoño que si. Pero axiña nos decatamos de que a deliberada intención de agrilloar as mentes e perturbar as conciencias por medio do terror que a morte por si mesma provoca, cos horrendos engadidos das penalidades eternas de inferno e do purgatorio, constitúe unha absoluta iniquidade exercida durante moito tempo sobre xeracións enteiras.

Infundir medos, alimentar temores, sempre formou parte dos métodos educativos tradicionais, dos intentos de sometemento e cohesión sociais. Aos nenos asustábannos co Coco, co Home do Saco, cos Sacaúntos, e con outras fantásticas invencións, entre as que cabe salientar, dadas as datas que corremos, a vixilancia permanente dos Reis Magos sobre as nosas condutas, para logo deixarnos ou non os regalos ou poñernos carbón no zapato.

A ameaza de morte súbita durante a noite, que nos pillaría, por descontado, faltaría máis, sen sacramentar e en pecado mortal -¿que pecado mortal podía cometer un neno de oito anos?-, pendía desazonante sobre todos nós, era un auténtico andazo. A melopea inevitable dos nosos sibilinos confesores: repara, meu fillo, que pode sorprenderte a morte en pecado mortal... ¡A nai que os pariu!

A min fixéronmo pasar moi mal. Verdadeiramente mal. Fixen a Primeira Comuñón aos sete anos, vestido de mariñeiro (con traxe herdado do meu irmán maior), con misal de tapas de nácara e broches dourados (espero que non fosen de ouro) e un rosario moi historiado, de doas grosas e traballadas con ocos e filigranas, e despois dunha meticulosa preparación por parte de Sor Arjona, a miña recordadísima profesora do Colexio da Milagrosa, na Praza de Ferrol. Sor Arjona. Falaremos dela, dedicarémoslle unha ollada miúda en calquera ocasión. Meréceo. Faleceu recentemente aquí en Lugo, esta querida monxa cordobesa. Supoño que xa antes desta especie de catecumenado impartido pola monxiña da caridade, como chamaban ás da súa congregación, teríanme inoculando o funesto sentido do pecado. Supoño que si. O pecado aboiaba por todas partes arredor de nós, con motivo de calquera cousa. ¡Pecadoso, vas ir ao inferno!, era unha expresión que podiamos escoitar varias veces nun mesmo día, a propósito de calquera cousa. O Neno Xesús, o propio Xesús xa home, porque podiamos invocalo en todas as etapas da súa vida, aínda que os Santos Evanxeos só nolo presenten de neno -fugazmente- e xa home de trinta e tanto anos, a súa Santa Nai, Deus mesmo, sufrían sen cesar por culpa dos nosos pecados. Non facían máis que sufrir. ¡Deus morrera por culpa dos nosos pecados! Eramos nenos menores de dez anos e xa nos converteran en deicidas. Os impíos xudeus, como rezaba a liturxia do Venres Santo, aínda que ninguén se decataba porque era en latín, e os católicos pecadores, asasinabamos a Deus. Os xudeus na súa persoa encarnada, Xesús de Nazaret, só unha vez e para sempre. Os católicos pecadores, dun xeito intanxible, figuradorreal, non sei, culposometafísico. ¡É que non se me ocorre como diaños dicilo!

(Perdoádeme, pero teño que ir recoller a miña filla á Estación. Vén con máis de tres horas de atraso por culpa da neve. Logo seguiremos con este conto).

Eu cometín un sacrilexio cando tiña oito anos. Ignoro quen pode estar ao outro lado desta pantalla na que escribo, aparte do fiel e teimudo Xaime. Caso de que haxa alguén aí, sei que as cousas cambiaron o suficiente como para que moitas persoas de hoxe non alcancen a comprender o sentido cabal dun sacrilexio. Un par de exemplos abondarán. Omitir un pecado deliberadamente ao confesor constituía sacrilexio. Se enriba logo comungabas, a cousa agravábase, claro. ¡Comungar en pecado! Recibir a Deus en pecado mortal. ¡Que abominación! Ter amores cunha monxa ou cun cura, supoñía tamén sacrilexio. Amores sacrílegos con persoas consagradas. (Sabendo o que se sabe, parece un chiste, ¿non?). Profanar a Sagrada Forma, sacrilexio. En fin, cousas así.

O meu foi a omisión deliberada dun pecado. Veredes. Durante os cinco ou seis primeiros anos das miñas prácticas relixiosas, as miñas confesións foron, salvo algunha cuestión particular que puidese acontecer, exactamente iguais. Aos trece anos tropecei cun sacerdote, don Angel, que me ensinou a confesar dun xeito racional. Pero ata entón a cousa viña sendo máis ou menos así:

-Ave María Purísima.
-Sen pecado concibida. ¿Cantos tempo hai que non confesas?
-Un mes aproximadamente. (O do mes explícase pola práctica de facer os nove primeiros venres. Tratábase de confesar e comungar nove primeiros venres de mes seguidos, sen interrupción. Se o lograbas -eu xamais o logrei- tiñas garantido o auxilio de María Santísima na hora da túa morte. Tamén había a variante dos cinco primeiros sábados, con resultados similares, supoño. Como se ve, o caso era levarte ao confesonario con regularidade. A Igrexa sabía moi ben o que facía).
-¿Cumpriches a penitencia que che foi imposta?
-Si, padre.
-¿Tes propósito da emenda e dor de corazón?
-Si, padre. (Aquí debo aclarar que eu andaba moi confuso. O do propósito da emenda, máis ou menos, íao entendendo. Pero, ¿que demontres era aquilo da dor de corazón? ¡A min non me doía nada!) Si, padre.
-¿Que pecaditos tes? (¡Pecaditos, manda carallo!).
-Coño, carajo, puñeta, maricón, cabrón, hijo de puta, vete a la mierda, me cago en tu madre, me cago en tu puta madre, me cago en la madre que te parió, me cago en tu padre, te pego una hostia... Faltei a misa un domingo. (Os meus pecados igual que as miñas confesións producíanse en castelán, como é natural e todo o mundo pode comprender).
-¿Por que? ¿Por preguiza ou por causa xustificada? (O da misa).
-Por preguiza.
-¿Algo máis?
-Si, tamén desobedecín o meu pai e a miña nai.
-¿Iso é todo?
-Si, padre.
-¿Non esqueces nada?
-Non, padre.
-Ben, en penitencia reza tres padrenuestros e tres avemarías. Agora, mentres te absolvo, reza o Señor meu Xesucristo.

Eu axeonllábame. Ata entón estivera de pé, inclinado sobre o bordo da porta do confesonario, coa miña boca pegada á orella do cura, mentres este me agarraba a cabeza polo colodrillo. Axeonllábame e vivía outro dos momentos difíciles desta leria penitencial. Non sabía o Señor meu Xesucristo. Nunca o souben enteiro de memoria ata que fun bastante maior. Así que sempre mantiven a inquedanza de que as miñas confesións podían devir nulas. Malia iso, xamais me deu a gana de aprendelo. Sempre fun moi remiso a aprender cousas de memoria.

O meu sacrilexio foi por omisión. Estivera a piques de cometelo nunha ocasión anterior. Dixera cona e dábame moita vergoña declararllo ao cura. Así que soltei a restra de malas palabras que constituían os meus terribles pecados polos que Cristo morría por min na Cruz e deixei para o final a vergonzosa palabra. Baixei a voz todo canto puiden, separei a miña boca da orella do confesor, e musitei cona. ¿Como?, preguntou o sacerdote. Cona, volvín musitar eu o máis baixiño que puiden. ¿Como? ¡Maldita sexa! ¡Cona! ¡Ah!, dixo o cura. Pero cando o do sacrilexio non fun quen de dicir o meu horrendo pecado. Vouche dar unha hostia, dixera eu un día que debía estar moi cabreado, porque me pareceu pouca hostia aquela. A hostia consagrada vouche dar eu. Ese era o meu pecado nefando, (perdón pola hipérbole, xa que por meras calidades das miñas pulsións sexuais, nunca fun autor de pecado desta clase, nin como doador nin como receptor. Debo declarar e declaro, que a angosta vía, a pesar de certas damnificacións debidas ao retraemento intestinal, xamais entrou no ámbito da miña vida de pecador deicida). ¿Como lle dicía eu ao cura que ofrecera a alguén a hostia consagrada? Non me atrevín. O meu confesor era don Jesús Vázquez Mourenza, na Parroquia de San Froilán, que moitos lucenses coñecían como de San Juan de Dios. Había alí un párroco que fundou logo a Parroquia da Milagrosa e que tivo fama de santo. Chamábase don José, creo. Covarde e contumélico, omitín a miña horrible falta. Omitina dúas veces. A primeira cando debía tela declarado e non a declarei, e a segunda, cando a divina providencia, a través do celo penitencial de don Xesús, me ofreceu a oportunidade de emendar a miña covardía. Refírome á indefectible pregunta: ¿Non esqueces nada? Non, mentín eu, malandrín cruel e insensible aos quebrantos, angustias e laceracións de Deus Noso Señor. ¡E logo fun comungar! ¡Miserable!

¡Un sacrilexio! ¡Con oito anos! ¡Gabado sexa Deus! Un mes de angustia e case terror recorrente cada noite na soidade do meu leito. Ameazado de morte súbita durante o sono, como, ao parecer estaba. Morrer en pecado mortal e sen confesión. ¡Un mes! Ata o próximo primeiro venres.
Pero isto quedou un pouco longo e demasiado mesto. Pido perdón por ambas as dúas cousas e tamén polo pouco cuidado que en xeral se pode apreciar nesta entrega. Volveremos a ela e continuaremos a historia noutra ocasión. Agora tratábase de dar unha volta por aquí. Saúdos.

viernes 11 de diciembre de 2009

¡Tres navíos a la mar! ¡Y otros tres a navegar!


A rúa de Tui xa tiña vontade de ser, pero aínda non era. Nun espazo á beira da miña casa que logo se apropiaría a rúa, xogaba eu co meu Topolino verde.

O home apareceu precedido do seu refolgo axitado, angustioso. Corría costa arriba con claras mostras de canseira e desesperación, o rostro desencaixado polo cansazo e o temor. Recórdoo alto e delgado, vestido con camisa e pantalón en tons marróns. Pasou diante de min sen mirarme. Os seus ásperos arquexos quedaron suspendidos no aire claro e inmóbil da mañá, primaveral posiblemente. Corría sempre cara arriba, cara a unha breve pendente, en cuxa cima ás veces Ovidio, un maderista que vivía por alí, colocaba torres de taboleiros brancos e onde se achaba a árbore á que decidimos chamar chorón, aínda que non o sexa.

Esa zona era a máis feita xa do que logo sería a rúa de Tui. Nacía no que entón era o Dieciocho de Julio e elevábanse a ambos os dous lados algunhas edificacións de tres e de catro alturas. A construción que facía a esquina coa pendente cara á que corría o home, pertencía aos Veiga e alí viviu durante algúns anos don Amable, o que foi o meu recordado e admirado profesor de latín.

Perseguindo ao home que corría apareceu outro. Este vestía de traxe, atreveríame a asegurar que gris. Con todo, o que non podo asegurar é se a pistola a levaba xa empuñada mentres alancañaba detrás do outro, ou a empuñou cando se detivo para disparar.

O home do traxe gritaba algo que eu non lembro. Lembro os berros, a voz violenta, amenazadora, pero non as palabras. (Quizais nestas situacións as palabras importan pouco. O que importan son os berros animais, intimidatorios. Quizais. Pasado o tempo eu mesmo me vin desconcertado, confuso, aparvado e anulado case na miña capacidade de discernimento por uns berros moi semellantes aos que agora estou a evocar). O home do traxe detívose máis ou menos próximo a min, volveu gritar con aquela voz de afán intimidatorio, paralizante, ergueu o brazo armado, fixo puntería talvez durante uns segundos e disparou. A detonación tivo que retumbar necesariamente no aire en calma da mañá, tivo que ferir os meus oídos de neno espantado, pero eu non a recordo. O que si recordo é unha brusca e breve axitación no interior da copa frondosa da árbore e un remuíño de follas verdes que caía lenta e apaciblemente.

O home que fuxía detívose tamén. Parecía atariñar, espavorecido, indeciso sobre que dirección tomar para continuar fuxindo. Da esquina que formaba a casa dos Veiga xurdiu o terceiro home que participa nesta historia. Non podo concretar se era alto ou non, pero si que se trataba dun tipo robusto, mesmo gordo. Vestía de traxe, como o da pistola. Levaba a chaqueta desabrochada, a camisa por fóra do pantalón, a gravata descolocada marcándolle a liña prominente do bandullo. Afogábase nuns arquexos aburados e profundos, cobizosos de folgos e de alento. Apoiouse na parede da casa buscando sosego para o ritmo fremente da súa respiración. Empuñaba un bastón coa man dereita.

O home que fuxía permanecía aínda desconcertado, apremado pola pistola que xa disparara unha vez e polo gordo case asfixiado que lle interceptaba o paso ¡armado cun bastón! O home derrubado practicamente contra a fachada, cos pulmóns a piques de estalar, reaccionou coa insospeitada axilidade dunha besta cazadora. Brandiu o seu bastón e descargou un golpe bestial na cerviz do que fuxía. (O recordo, o meu propio ou o inducido por outros, di que o bastonazo o alcanzou na caluga. Pode ser verdade. Pero un golpe como aquel, na caluga, creo que o mataría). Os dous perseguidores reuníronse, por fin, xunto ao outro, un tráxico garabato, un monigote desprovisto de calquera humana consideración, un monicreque esnogado no chan.

Neste punto é cando intervén a muller da ventá. Indignada, increpou con fortes voces aos dous perseguidores. Proferiu unha restra de insultos e de reproches irados. O individuo da pistola encarouse con ela e con ton desaborido e chulesco, berroulle que calase e que se retirase da ventá. Logo, entre el e o seu compañeiro levantaron ao caído e levárono, a rastras, igual que un fardo. Recordo que sangraba polo nariz e pola boca.

Despois souben que os dous perseguidores eran policías e o home que fuxía un delincuente.

Eu era un neno que xogaba, ao carón da súa casa, imaxinando estradas sobre a herba para o meu Topolino verde.

Isto ocorría en Lugo, Galicia, España, hai uns cincuenta e cinco ou cincuenta e seis anos. Dou fe. Para o que poida servir.

sábado 5 de diciembre de 2009

A fraxilidade esencial


Eu xogaba cun coche verde de goma. A un lado da miña casa. Había daquela un coche que se chamaba Topolino. Pequeno, creo que de dúas prazas. O meu era unha réplica. Trouxéramo o meu pai ao regreso dunha viaxe. Trouxérame o coche e un recortable co que se construía o garaxe. Sempre que lembro aquel coche e o seu garaxe de papel, pregúntome polo motivo que puido ter o meu pai para traerme ese regalo. Non podo dicir cantos seriamos entón, pero seguro que xa eramos cinco ou seis irmáns, e o meu pai só trouxo un regalo para min. Cruzaríaselle no camiño e eu sería o máis indicado para recibilo, supoño. Recordo moi ben o coche, de goma verde coas rodas negras, e o seu garaxe de papel. Ademais, non había ningún outro igual polos meus dominios. Un día desapareceume, pero volvinno recuperar. E non sen certa tensión. A miña familia e a da casa do lado non se levaban. Unha rapazada, unha rifa de nenos estaba na orixe de todo aquilo. O meu irmán maior pelexárase cun neno da súa idade da casa do lado. Andaba o meu irmán preparando a primeira comuñón. Sete ou oito anos tería. E dous nenos desa idade foron quen de manter seriamente postas a mal dúas familias. A inimizade permaneceu por arriba moito máis tempo do que durou por abaixo. Os adultos obstinábanse na súa teimosa ruindade, cando xa os pequenos fixeramos as paces e xogabamos xuntos nas rúas, que era onde se xogaba daquela. A cousa tivo a súa prolongación e as súas ramificacións, algunha absolutamente inesperada, extemporánea e, non queda outro remedio que dicilo, mesquiña. Pero diso falaremos noutra ocasión. De momento abonda con declarar que, valéndome dunha argucia, recuperei o meu Topolino verde de mans doutro neno da casa do lado. O que ignoro é por que o tiña el. ¿Encontrárao porque eu o deixei esquecido nalgures e considerábase, polo tanto, o seu lexítimo propietario? ¿Birláramo a mantenta, apropiándose de algo que sabía que non era seu?

A verdade vén sendo que o coche de marras non merecería maior atención que calquera outro dos moitos xoguetes que pasaron polas miñas mans ao longo daqueles anos felices, se non fose porque está vencellado cun feito que salta ata min cunha forza salvaxe, brutal, perturbadora. Eu xogaba con el cando aconteceu diante dos meus ollos pasmados de neno incapaz de comprender toda a dimensión do que vía. Podo describir todo o que aconteceu así como o escenario que o acollía coa seguridade de non alterar nin un detalle.

Pero tamén entra no posible que o recordo de min mesmo xogando a un lado da miña casa co Topolino verde que me trouxera o meu pai de regreso da súa viaxe, nada teña que ver co feito violento e brutal que a miña memoria asocia con el. É moi posible que eu non presenciase o feito. Se me deteño e me poño esixente co meu cerebro, coa parte do meu cerebro que almacena a memoria, podo chegar a dubidar. Podo admitir que eu non presenciei o suceso ao que aludo. Aparece, borrosa, a imaxe do meu irmán maior contando o acontecido coma se fose el quen o presenciase e non eu. Pero tamén aparece un grupo de xente, en roda, comentándoo con excitación e nerviosismo. ¡Uf! Polo que se ve, pasamos dun anteollo monocular que recolle, singularizándoos, os trazos dos acontecementos, a un prisma polo que se filtran as imaxes, distorsiónanse, multiplícanse, mudan de cor.

Pero eu sei que o que quero contar aconteceu. E que aconteceu tal e como o recordo. Sei que tres homes protagonizaron a horrible escena, e o modo en que cada un deles o fixo. Sei que unha muller intervén e como e por que o fai. Sei que unha árbore participa tamén no asunto, e recordo perfectamente esa árbore e de que forma participou no asunto. Sei que non é un salgueiro chorón aínda que eu non saiba chamalo doutro modo. Pode confundirse cun chorón, pero non o é. Pero, se devolvemos a atención á muller asáltannos as dúbidas de novo. A muller estaba asomada a unha ventá. Ela e eu eramos as únicas testemuñas do acontecido. Eu mantívenme en todo momento como un mero espectador. Ela actuou. Pero a muller que eu recordo non podía ser a que ocupaba o oco daquela ventá. A que eu recordo vivía noutra casa, máis abaixo, noutro sitio. Aínda que estivese asomada á ventá nin eu podería vela nin ela a min nin, por suposto, podería ter presenciado nada do que protagonizaron os tres homes.

Non obstante, pese a todas a posibles reservas e vacilacións, pese as brétemas que trocan insegura a obxectividade, eu reclamo como meu o recordo dese feito brutal e perturbador que aínda me proe os miolos, cincuenta e cinco ou cincuenta e seis anos despois de que ocorrese. E penso contalo tal e como o lembro. Non podo consentir que os escrúpulos me deixen sen memoria.

martes 1 de diciembre de 2009

Pelemos, logo, a cebola


Se estivésemos sometidos a un proceso de psicanálise, supoño que o facultativo de turno convidaríanos a retroceder, canto máis atrás mellor, nos nosos recordos. Si, supoño que algo así faría. É curioso. Do meu Nadal das Casas Baratas non consigo lembranzas. Dos Reis si. Dos Reis poderei contar moreas de cousas. Algunhas polo miúdo.

Unha panxoliña coutada, xa que logo, borrada quen sabe se para sempre, irrecuperable talvez. Non deixa de sorprerderme. Todo o que fai referencia ao período comprendido entre mediados de 1948 e algunha data infausta de 1958, permanece na miña mente cunha grande luminosidade, magnificado coma unha sorte de Idade de Ouro, da que fun abruptamente expulsado.

Deberei resignarme, ¡non hai outra!, a esa inoportuna e incómoda lagoa xurdida, inopinadamente, nos dez primeiros anos da miña vida.

O certo é que non tiña pensado falar do Nadal hoxe aquí. Paréceme demasiado cedo. O certo tamén é que non dou encetado a bola dos meus recordos. Cando decidín reabrir este blogue para ir deitándome nel –quen exhibe a súa memoria, exhíbese a si mesmo-, comecei por elaborar unha listaxe de cousas das que falar. E a listaxe medrou, lixeira. Pouco traballo custou ir anotando este feito, aqueloutro... Pero á hora de entrarlles a cousa resultou ben diferente. Semella que o recordo enumerado en forma de anotación ou encabezamento, resultase logo refractario ás miñas palabras, á miña prosa, elaborada ou non.

É algo que veño observando desde hai algún tempo, tempo ideterminado cuxa duración non son capaz de precisar. Resístenseme os recordos.(¿Ou me resito eu a convocalos?) Quero dicir que lembrar non me sae de balde desde hai algúns anos. Todo o contrario. Vén sendo demasiado oneroso. Demasiado. Os meus recordos, anos atrás tinguidos por un verniz de doce nostalxia, agroman hoxe recubertos por unha tona turbia, anoxadiza, interpeladora e, incluso, desacougante. A alegoría bíblica da Árbore da Ciencia do Ben e do Mal, a árbore dos froitos prohibidos porque eran os froitos do coñecemento, vén a conto neste punto.

É unha vella retesía. O coñecemento achega a perda da inocencia. E sen inocencia non é posible a felicidade. O coñecemento guindoume a memoria individual. Hoxe só me queda a memoria colectiva. O Ben e o Mal, o Bo e o Malo, son un meu patrimonio que non podo eludir. Por iso recordar resulta oneroso. Se cadra chegou a hora, hora longamente anunciada, pode que cobizada sen sabelo, de aferrarnos con todas as forzas á serenidade básica. Só así poderemos enfrontar e asumir todo canto bota enriba de nós a nosa memoria, inevitablemente colectiva xa.

Iso é o que me aterra dos esencialismos. Cando esixes o dereito ás túas esencias, esixes todo o Ben e todo o Mal que aboia nelas.

¿Quen pode, emporiso, non mostrarse solidario con Aminatou Haidar?

(¿A quen lle pedimos a man para percorrer a nosa memoria, a Jean Améry ou a Primo Levi?)

jueves 26 de noviembre de 2009

Hai razón para a lembranza


Confeso, sen vergoña e sen o menor indicio de estúpida vaidade, que non lin absolutamente nada de Marcel Proust. En busca do tempo perdido. Coñezo, está claro, a famosa madalena e o efecto que o seu sabor ou o seu olor produciu no protagonista. Deduzo desa anécdota que máis que o tempo o que se perdeu foi a memoria. Perder o tempo ven sendo outra cousa moi distinta. É posible, ¿por que non recoñecelo?, que eu leve perdido moito tempo, moito, do que me foi dado, pero creo que xamais perdín a memoria. Dela vivo, mantéñomne con ela día tras día nunha teima que non me deixo curar, e con ela son, continúo sendo o que son. Somos nuestra memoria, somos ese quimérico museo de formas inconstantes, ese montón de espejos rotos, deixounos dito Borges, o laberíntico Borges. ¿Existe algo máis laberíntico que a memoria?

Observarás, Xaime, que algo no ton xeral das miñas palabras, na súa envoltura, non sei, no sentimento último que as guía, cambiou. Tamén eu cambiei. Ignoro canto ou de que xeito. Aparentemente son o mesmo. Pero eu sei que cambiei. Varias cousas ocorreron no tempo que media entre a primeira –fallida- etapa de OLLADAS MIÚDAS, e esta que agora abro pola túa culpa. (Culpa amable, que celebro de veras). Son cousas que teñen que ver co meu eu máis íntimo, das que se cadra falo aquí algún día ou se cadra non o fago nunca. Mesmo entra no posible que endexamais fale delas con ninguén.

Teño que confesarche que non acaba de convencerme un blogue como vehículo ou soporte da miña memoria, das miñas lembranzas. Así a todo, vou deixar que me leven as túas premas. Non temas, non penso converterme nun suxeito discursivo, analítico, que vai encher todo este espazo coas súas egocéntricas reflexións. Non. Considérome ante todo un narrador. Así que será a iso ao que dedicarei o meu tempo e o ámbito deste blogue, a narrar. A narrar os meus recordos, a narrar as miñas vivencias.

Anímame saber que ti estarás aí e que isto virá ser o máis parecido a unha conversación, a un diálogo. Se ademais de ti hai alguén máis, pois tanto mellor.

martes 24 de noviembre de 2009

Unha carta para Xaime


Meu querido Xaime, para un home dubitativo e, en certo modo, indeciso, coma min, resulta reconfortante sentir na caluga un afán e un alento como os teus animándoo a que escriba. A primeira intención deste proxecto denominado olladas miúdas agromou das notas que eu sempre tomaba despois dos meus longos e demorados paseos polos vellos camiños de Begonte. Gozaba, por suposto, da inmersión na paisaxe, pero os meus ollos cobizosos de beleza e de sorpresas, da beleza e da sorpresa humilde das cousas pequenas, reparaban sempre en breves fragmentos perdidos entre os fieitos, ou ao pé duns bidueiros, ou no oco agoireiro dun castiñeiro atacado pola tinta, ou ao abeiro dunha pedra colonizada pola carriza. Verdadeiras xoias que normalmente fuxen da nosa ollada dispersa. Eu chamaba a isto, ignoro se con razón ou sen ela, intrapaisaxes. Ao chegar a casa as fotografaba coas miñas palabras nalgún dos pequenos cadernos dos que fago provisión para que non se perdan as ideas ou as sensacións que rebentan de súpeto cando camiñas só contigo mesmo, no medio do inmenso mar das nosas paisaxes galegas. Olladas Miúdas, pois. Logo comezaron a agromar as lembranzas. Lembranzas da miña infancia nas Casas Baratas e, despois, no asfalto máis inhóspito -para min- do centro de Lugo. Por decisión -e conveniencia- familiar, exiliáronme das Casas Baratas e trasladáronme á Rúa da Cruz. Foron tempos -tempos longos, demasiado longos- de desarraigamento e de dor. Desarraigamento e dor que soportei en solitario. ¿A quen llo ía contar? As miñas ansias de narrador xa naceran antes, pero, ¿quen sabe se a obrigada asunción dese trasterramento preadolescente non acabou por consolidalas?
Ben; sexa como sexa, intentarei satisfacer a túa demanda. Irei deitando neste espazo as miñas olladas miúdas. Naturalmente, está convidado todo aquel que desexe asomarse a esta ventá, pero irán dedicadas a ti, que es quen, con insistencia teimuda, as reclamas dende hai tempo.
Ten paciencia. Aos poucos iremos ganduxando lembranzas e paisaxes.
E grazas por seguir aí todo este tempo. Unha aperta, Xaime.